💾 Archived View for gem.xmgz.eu › gemlog › 2024-05-15-ix-andaina-brion.gmi captured on 2024-08-25 at 00:21:51. Gemini links have been rewritten to link to archived content
⬅️ Previous capture (2024-06-16)
-=-=-=-=-=-=-
O malo de correr estes eventos é que ao rematar penso que «pois non foi para tanto».
Comezo escribindo esta crónica o domingo pola mañán, vinte e catro horas despois da carreira. Durmin regular e dóeme «todo», pero estou con bo ánimo e despexado, así lévase mellor o tema físico. Vou aproveitar para escribir algo, que normalmente o malo está por vir¹
o ano pasado (VIII Edición) participei facendo tamén os 50 km andando. A organización non limita o xeito en que fas a andaina (máis alá das consideracións xerais aplicables a todas as participantes) e hai persoas que a fan correndo.
Non adestrei para facer isto, nin nada en particular, pero fai algo máis dun mes decidín, nun momento de inspiración/inconsciencia, ir correr a Caldas e participar tamén nesta Andaina Terras de Altamira.
Mindset(!)
Ao participar en Caldas reencontreime coa sensación de esforzo e dor, pero tamén coa de sentirme forte e capaz (ou hábil, ou compentente, un endurance athlete), e así vin a Brión con confianza de que, libre dun golpe, moi mal se tiña que dar para non pasar un bo día.
Ruta
Os primeiros 24 quilómetros, ata Bastavales, eu xuraría que eran exactamente iguais aos do ano pasado. Saes subindo uns tres quilómetros (andando nunha interminable procesión, 808 inscritas nas tres distancias) cun suave sube/baixa perfectamente corrible ata o catorce, onde comezas a subir ao punto máis alto da ruta, o Monte Ruibal.
séguelle unha baixada moito máis pronunciada ata Bastavales
A partir de aquí había lixeiras varicións na ruta, con algúns tramos en sentido inverso e outros colocados en diferente lugar, pero xa os últimos sete ou oito foron prácticamente iguais.
Había algún tramo algo máis técnico, baixando algún talud, seguindo un regueiro, pero en xeral co mesmo caracter prácticamente chan (relativamente) e sen desnivel. Poderías correr contínuamente ata Santa Minia.
Fun con cabeza desde o inicio, sen correr (nin intentalo) ata que rematou a primeira subida (ata as Torres). A partir de aí, durante moitos quilómetros, intentei ir cómodo e sen esforzo, consciente de que máis tarde me ían facer falta as forzas. Non miraba nin o pulso, nin o tempo que levaba (menos para comer algo con frecuencia), só os quilómetros para saber canto faltaba para o seguinte avituallamento.
Ata o quilómetro catorce (2º avituallamento) fun realmente cómodo e despexado. A esa altura xa ía preto de persoas que tamén ía correndo, sen andaríns, e servíanme de referencia. Non é unha carreira: a veces tiña que dicirme isto a min mesmo para controlarme.
Despois do terceiro avituallamento (Bastavales) comezaba realmente a dureza. O desnivel quedaba atrás, pero os quilómetros e a calor estaban diante. Fun con calma, deixando asentar a comida, coa empanada na gorxa unha hora 🤢, aínda que a partir de aquí si que xa tiven que xestionar cómo me sentía e repartir as forzas. Correndo nas sombras, gorra e andando no sol, beber con frecuencia e pouco (ou moito!), comer con calma unha galleta, pararme e apousar nos avituallamentos, ... Esta segunda metade foi realmente en modo carreira. A non ser que subise o nivel de sufrimento/agonía, non vexo como podería ter ido máis rápido.
Non cheguei á agonía ou desfalecemento, fun sempre con marxe. Arredor do quilómetro corenta, nun tramo seguindo o Sar e unhas pistas da concentración, deime conta de que podía correr máis cómodo (ejem, con menos dor ou molestia) se ía cunha zancada un pouco máis longa, non só un trotar cochinero. Si, gastando máis enerxía, pero sentía que de modo máis eficiente. Como de todos xeitos tiña que andar de cando en vez (polo terreo, desnivel, non pasar de certo esforzo) non supoñia gran problema se me mantiña dentro de certo nivel de esforzo. Estivo ben sentir e aprender isto.
Fixo sol e calor todo o día, arredor dos 25ºC nas horas centrais do día, que levábase bastante ben, pero a carón do río e nas zonas de pinar pechado onde non corría a brisa a sensación era bastante abafante. Non tiven problema con isto, bebín bastante ao xeito (moito!) e procurei non chegar a sentir acaloramento. Cando pasas unha liña vermella despois é bastante complicado poder volver atrás dela.
E nada máis. Ir indo e non levar un golpe.
A organización foi moi correcta, coa información toda na súa propia web, detallada e ao caso. O marcado da ruta tamén perfecto. E aquí quero comentar un fenómeno que xa me ten pasado. Nas últimas horas da carreira, co cansanzo e fatiga, fáiseme máis difícil seguir as marcas da ruta. Só me despistei ao cruzar unha ponte que non había que cruzar (uns 200m. ata que dei vota), pero con moita máis frecuencia que ao inicio tiña que determe un par de segundos nalgún cruce para atopar as marcas, ou seguir con fe ata que era quen de ver unha. Non é unha crítica á organización, estaba perfectamente claro, pero vese como me afecta a fatiga (como a calquera).
Sí, dor e fatiga, pero estiven de bo humor toda a carreira e isto é un biomarcador que teño eu para saber se corrín ben ou non.
Nota: corrín coas zapatillas Xero Mesa Trail II (planas e anchas) e foi todo ben. Tiña dúbidas se serían boas para andar. Non as mellores, pero non foron ningunha rémora. Xunto cos calcetíns de dedos tiña (teño) os dedos e as unllas perfectos, sen unha rozadura ou bincha. Teño que dicir que correr/andar ten tamén a vantaxe de que podes escoller que che doia aquí ou alí, dándolle descanso a unha zona do corpo mentras se esforza outra. Molestábame bastante o antepé dereito ao andar (da cagada do outro día en Caldas) pero correndo sentía moito alivio. Non creo que me impedise realmente, era soportable dentro do paquete completo de dores e molestias.
mira que non me sentía nada mal o domingo ao escribir, dado o esforzo do sábado, pero o xantar do domingo «matoume». Sen sabelo con certeza, pero eu bótolle a culpa, ou é o que creo máis lóxico, creo que tiña o corpo debilucho e co sistema dixestivo en situación precaria para asimilar un «xantar do domingo». Xantei, tampouco en exceso, deiteime un pouco, e un par de horas despois o estómago estaba revolto, con bastante malestar e comezaba a sentir náuseas. Foi un non parar ata que botei fóra todo o xantar. TODO. O malo foi que me levou catro horas. Non creo que me pillara o frío, nin un virus (aínda que o luns tiña algún síntoma de febre), nin por suposto estaba o xantar en mal estado. Sobrestimei a miña recuperación. En realidade nunca pensei nesta posibilidade. De todo se aprende.
O caso é que aínda me quedou o corpo máis escarallado do que estaba. Unha pequena molestia no isquiotibial dereito, o pé dereito algo dorido,... todo desapareceu ante o malestar xeral. Durmín pouco, o que puiden. O luns case nin comín nada nin pensar en comer quería. Fun traballar cos paracetamoles (debilucho, pero non houbo queixa). Outra noite durmindo pouco e ir tirando comendo o mínimo-minimo. Ata hoxe, que me erguín con sensación normal no corpo despois de durmir decentemente e comecei a comer suave pero máis normal. Mal estiven 24 horas, pero cóntoo en contraposición ao problema habitual destas carreiras que xurden 24/48h. despois da carreira. Creo que foi como un «corte de dixestión», pois saíu todo enteiriño do estómago (con perdón). De xeonllos, pernas, músculos,... non lembro terme recuperado mellor 🤣 . Aínda que se teño que escoller non cambio unha situación pola outra.
Nada. Agora ven o verán e o calor 😃
¹ cando escribín pensei que estaría fastidiado do xeonllos ou realmente baixo de ánimos e forzas, como adoita pasar cando fago un esforzo "demasiado" longo