💾 Archived View for gem.xmgz.eu › gemlog › 2022-03-08-v-trail-couzadoiro.gmi captured on 2024-05-10 at 10:58:24. Gemini links have been rewritten to link to archived content

View Raw

More Information

⬅️ Previous capture (2023-01-29)

-=-=-=-=-=-=-

🚀/home

blog

V Trail Montes de Couzadoiro

como din os do ciclocrós...

green is grip

Fun correr coas zapatillas en bo estado, con tacos ben xeitosos, pero se non caín (e non caín) foi por sorte e supoño que unha mistura de habilidade e sentido común (o luns hai que volver ao traballo).

Descrición

As condicións eran moi boas para correr, un día de primavera fresquiño (uns 5ºC abaixo na saída), risco de chuvieiras e sarabias (libramos bastante), pero a lama que había e o empinado dalgúns tramos facían que por veces literalmente tiñas que subir a catro patas, por suposto apoiándote nos carballos e árbores, agarrando a herba, pero loitando por non esvarar hacia atrás. Esto subindo.

imaxe dunha compañeira no bosque

O problema eran as baixadas, porque ahí trátase dun exercicio de patinaxe e equilibrio, sempre no bordo da adherencia mirando de poñer o pé nas beiras do carreiro, onde aínda non era todo lama. Con pendentes que chegan ao 40/50% de inclinación, follas mortas e gasto de fieitos e valuma (de limpar o "camiño"), lousas soltas difíciles de ver, cen persoas que pasaron antes ca min (ou as que fosen) que contribuíron a crear limo, e a velocidade, porque a) estás nunha carreira e b) foches correr.

Tiven sorte de ir bastante só en moitos tramos difíciles, polo que podía concentrarme en min mesmo. Debín esvarar 253 veces, micro-esvaróns que controlas no último intre, nun último intre que nunca sabes se realmente vas parar, se paras en seco e vas de fuciños, se o xeonllo di basta! e queda alí, se os nocellos resistirán, é un pouco estresante para min.

Con respecto aos nocellos, sen non torcelos demasiado, creo que é unha sorte que pronto collan calor e se vaian moldeando pouco a pouco, porque pequenas minitorceduras e malos apoios sempre os hai. Máis que nocellos fortes, creo que precisas uns nocellos que sintan e reaccionen a tempo (xunto co resto do corpo) para que non poñas enriba deles todo o peso do corpo cando están nun equilibrio precario. As pesoas que se tiran en plan kamikace por un cortalumes ou son moi fortes ou moi inconscientes. Cuestión de relativismo, porque quen me vexa min, sentado no sofá, pensará algo parecido sobre o fostiado que baixo (meh!).

A ruta

Saíndo da aldea de Couzadoiro, subir en progresión con algunha baixada ata o primeiro monte; baixada longa por un bosque precioso a carón dun par de regos que cruzamos cincoenta veces; subida consistente e con gran desnivel a outro monte; baixada "a lo loco" de volta a aldea.

24km, con 1200m de desnivel positivo, en 3 horas e media.

perfil da ruta

A ruta estaba perfectamente sinalizada, cos habituallamentos situados exactamente nos lugares indicados, con persoas da organización en varios puntos que poderían ser complicados.

ruta no plano

O fallo máis grande foi que non había callos ao rematar! como si había a última vez que vin. Só uns tristes bocadillos, froita, auga e cervexa.

Esto último é broma, conste, porque realmente non votei nada en falta respecto dunha correcta organización, desde a entrega dos dorsais ata a sinalización da ruta.

A carreira.

A miña carreira.

Facía fresco como dicía, e saimos baixo un bo curisco que non agoiraba nada bo. Auga e frío: mal. Pero xa empezas subindo e logo entras en calor, ademáis durou pouco e pronto puiden sacar a chaqueta de augas que xó puxen ocasionalmente máis tarde. Nas baixadas expostas ao vento agradecina, pero podería ter corrido en camiseta (gorda e de manga longa) sen problema. Chegando a algún alto aínda se vían as saraibas no medio da herba, testemuño de que libramos con sorte.

a ría de Ortigueira, desde o alto do km 10 aprox

De xeito automático vas pillando o ritmo, sen pensar moito en "agora máis forte, agora máis lento". Simplemente tes na cabeza unha idea do percorrido e intuitivamente sabes se ao ritmo que vas che da para chegar ao final ou non. "Ande vas!?", digo ás veces, cando debería ter deixado de correr (para andar) cen metros atrás.

Nas primeiras baixadas, por camiños, xa vías que estaba complicado o terreo, que habería que ir con xeito. Nin caín nin levei golpes. Nos tramos empinados do bosque esvarei como todo o mundo, pero sempre con tino, deixándome caer e frear coas árbores, poucos sustos levei.

foto dun fulano cruzando un rego á carreira

A baixada do bosque foi o tramo máis bonito, pero xa estabamos avisados pola organización de que era un tramo moi técnico e perigoso. Traduzo: cando din esto así, significa: tramo pa matarse. Esaxero, pero pouco pasa para os sitios onde nos metemos e á velocidade que imos.

a última subida

A última subida era longa, constante e empinada. Toda andando, pero pillei o meu ritmo (dentro do esforzo) e leveino ben. Cheguei arriba e púxenme a correr (trotar) e case nin parei no habituallamento final.

a última subida, vista desde a ruta

A última baixada púxome algo dos nervos. A metade era por pista, con bastante lousa solta e nadando en auga. Por ahí ben, con xeito, pero ben, correndo a bo ritmo e gastando as forzas que me quedaban. Pero había un tramo relativamente longo que baixabamos seguindo o tendido eléctrico. Ahí a falta de forzas, os tacos das zapatillas cheos de lama e gasto (cero grip) facían que non tivese confianza suficiente. Foi onde tiven máis sustos e donde máis perigoso sería caer rolando. No último tramo da subida forte é moi escarpado, da algo de vértigo, pero o toxo é grande e mesto polo que se caes non chegas ao fondo do barranco (case vertical). Se caes a rolos nesta baixada igual paras 50 m. máis abaixo. Mal.

Xa o último tramo era máis suave e seguindo outro rego ata que ves as casas de Couzadoiro e pronto escoitas a megafonía da zona de meta.

Sensacións

foron boas en xeral toda a carreira. Eramos moi pouquiña xente na ruta longa (menos de 60 en meta, só dúas mulleres na longa, aínda que en total eramos case 400) polo que cando hai pouca xente o nivel é maior, porque os lentos ou débiles (entre comiñas) xa nin se apuntan. O nivel dame igoal, porque total eu teño que ir ao meu ritmo, pero así despois miras a clasificación e rematas máis atrás do habitual.

A ruta deste ano foi un quilómetro máis longa e con 200 m. máis de desnivel que hai cinco anos, cunha climatoloxía similar, fixen uns 35 minutos máis. Non lembro, lóxicamente, o estado de forma en que corrín hai cinco anos, pero a diferenza en tempo é significativa (a diferenza de desnivel tamén). Esto botoulle algo de auga ao viño (cando mirei hoxe), pero acabei satisfeito comigo mesmo por como corrín, coa sensación de ter corrido como debía e repartindo ben as forzas. Cheguei enteiro, recuperei moi fácil en meta e non me manquei.

Hoxe estou dorido, algo escarallado e con molestias nun xeonllo e nun nocello. Normal. De ánimo ben. Como adestramento para ir collendo fondo e forza pareceume fenómeno se o corpo o asimila ben. Andiven moito tempo, na subida final, respirando só polo nariz, pausado e concentrado, como exercicio a practicar. Dache pausa mentalmente, se físicamente é beneficioso non sabería dicir, pero o caso é que cheguei ben arriba.

Sorprendentemente non vin ningún coñecido, nin da comarca. Supoño que habería outras carreiras por ahí.

Agora sentidiño e recuperar completamente, porque o domingo hai outra en Ribeira, máis ou menos a metade de desnivel en 14 quilómetros.

--------------------------------------------------------------------------------

Artigo creado desde markdown con gemgen (python)

Versión web en

blog.xmgz.eu 8 de marzo de 2022

🚀/home

blog