💾 Archived View for gem.xmgz.eu › gemlog › 2023-11-06-42-cp-negreira.gmi captured on 2024-03-21 at 15:16:16. Gemini links have been rewritten to link to archived content

View Raw

More Information

⬅️ Previous capture (2023-11-14)

-=-=-=-=-=-=-

Inicio

Blog

42ª A Clásica, Carreira Popular de Negreira.

Versión web do artigo (cun par de fotos e ligazóns á web do concello de Negreira)

Estaría ben saber se participei máis veces en A Clásica ou na Pedestre de Santiago. Por aí debe andar a cousa. Na metade das edicións non, pero poucas menos deben ser.

Onte non corrín descalzo, non señor. Leva quince días chovendo e incluso con friaxe, e coñecendo circuito... non ía ser agradable. Non teño **necesidade** ningunha e xa teño probado a correr esta carreira nesas condicións, así que corrín coas zapatillas _NB laranxas_.

A meteoroloxía respetounos, pois caían trebóns fortes pero ningún durante a carreira, só unha chuviera contra o final pero nin pasamos frío nin molestou o vento, así que as condicións eran moi boas para correr ben.

A carreira

estou san, básicamente, así que por que non participar? Pois pouco lle faltou para non ir.

Os pequeniños estaban apuntados pero non foron (problemiñas), por iso me inscribira, para ir canda eles. Ao non ir eles pois xa non estaba motivado, pero sei que me presta ir ás carreiras, incluso sen ter gañas, **unha vez alí pásoo ben**.

Choveu toda a noite e ventou, cheguei a Negreira co tempo xusto de pillar o dorsal e dar unha volta por alí. Poucas caras coñecidas vin e non sei se saudei a alguén :(

Agardando para saír comezou a chover, pero non facía frío. **Cal era o plan?** Non había plan, non estaba coa cabeza pensando en esforzarme, en seguir un plan concreto, en facer tal tempo ou que fose.

Saín contra atrás coma sempre, pero como é costa arriba enseguida se enfila o grupo e podes correr ao teu propio ritmo. Non me sentía mal de todo e fun gardando forzas nesa primeira subida ata a rotonda da variante, coa canción _rock lobster_ na cabeza marcando a cadencia. Baixada de volta, primeiro paso polo "polígono" e xa chegando ao final da primeira volta vin que non me costou demasiado manter a cadencia ou o ritmo. Non tiña nin idea do tempo/ritmo que levaba, fixen o esforzo consciente de non mirar o cronómetro que teñen en meta para deixarme levar só polo que sentía.

Emporiso, o ritmo que levaba era o máximo que podía tendo en conta a distancia que quedaba, intentando ser constante no esforzo. En ningún momento mirei o reloxo.

Volta a subir e aí xa sentín que ía máis atrancado. En termos relativos non ía mal, porque non me pasaron demasiadas persoas, se algunha, pero notaba unha total falta de _punch_, ía diesel total.

Na baixada por diante das piscinas procurei alongar a zandacada para ser eficiente, como na outra volta, e puiden pasarlle a varias persoas sen facer ningún sobresforzo.

Abaixo, no chan, puxen de novo o ritmo máximo sostible. Dábame conta que non era gran cousa, ía atrancado, pero non afogado, era sostible.

No último quilómetro, favorable, concentreime en aumentar cadencia e lonxitude de zancada mantendo boa técnica. Novamente sentinme "torpe", pero cundíame.

A última recta, sen esprintar, pero forte e mantendo boa postura.

Entrada en meta enteiro e satisfeito de como corrín, nin me detiven e seguín andando, recuperando a respiración rápidamente e moi ben. Non me doía nada (só unha rozadura nun dedo) e non tiña esa sensación de ter corrido fóra de punto.

Na hora en que escribo isto non mirei a clasificación, pero 46 minutos nun circuito coma ise está moi ben (para o meu nivel).

Éramos unhas catrocentas corredoras no 10K, o que ven sendo habitual, pero había moita menos xente animando e no circuito. Supoño que polo mal tempo que facía non convidaba a saír.

Inicio

Blog