💾 Archived View for gem.xmgz.eu › gemlog › 2023-05-21-viii-andaina-brion.gmi captured on 2023-11-14 at 07:49:52. Gemini links have been rewritten to link to archived content
⬅️ Previous capture (2023-09-08)
-=-=-=-=-=-=-
Fotografía cos datos da andaina
Poucos días antes souben que ía dispoñer do sábado, así que mirei no Calendario se había algún evento/carreira ese día. Bingo! por fin podía participar da Andaina Terras de Altamira, en Brión (preto de Santiago de Compostela) na súa oitava edición.
Web da Andaina Terras de Altamira
Moitas veces estivera interesado en participar, por celebrarse nunha comarca que coñezo, saber que non sería demasiado dura e ademáis tiña boas referencias por parte de persoas que xa participaran en anteriores edicións.
Estiven pendente de se ía ir acompañado (de xeito personal) ou ir só para escoller a distancia a andar das tres dispoñibles: 16, 36 ou 50 quilómetros. Como fun só, elexín a distancia maior. Cría estar preparado para un esforzo de moi baixa intensidade pero longa duración. "Non pode ser para tanto" XD
O día saíu perfecto para andar. No mes de maio pode haber de todo, pero ás nove da mañán había un tímido sol, con algunha nube e moi pouquiño vento. Mantívose así todo o día, estando protexidos do vento e o sol polas árbores, pero nas zonas expostas nin facía calor nin incomodaba o vento.
A organización, no saúdo, consellos e indicacións sobre a ruta, xa nos dixo antes da saída que estaban moi contentos coa participación de tantas persoas. Eramos preto de 650 inscritas entre as tres distancias, cun moi bo ambiente alí na carballeira de Santa Minia.
Os dous/tres primeiros quilómetros eran en subida, máis ou menos empinada ata a zona das derruidas Torres de Altamira (patrimonio cultural do concello). Despois continuaba un longo treito ata o primeiro avituallamento que era virtualmente chan (para ser Galicia), case todo por pistas amplas do monte. Antes da metade da ruta subíamos ata o alto dun monte que domina todo val da Mahía por un lado e mira hacia a Picaraña e Padrón polo outro. Estabamos a 480 metros de altura sobre o nivel do mar, o punto máis alto de todo o día.
A baixada era relativamente técnica e empinada, con pedra solta e sentíame máis cómodo e SEGURO baixando deixándome ir cun pequeno trote, mellor que andando.
Aínda que era unha andaina, cada un podía ir como estimase, pero podo dicir que en total debín facer dous ou tres quilómetros trotando, por diversas razóns que despois contarei.
Chegados á Igrexa de San Xulián de Bastavales (a das campás de Rosalía) estabamos na metade da ruta, separándonos finalmente dos que facían 36 quilómetros. A partir de aquí o desnivel era pouco, pero incluía algunha subida curta e moi empinada, pero que andando lévase sen problema.
Seguimos durante varios quilómetros o río Sar (que peniña da a merda que leva!!) ata que nos separamos de el para chegar ao Tremo, subir un pequeno monte e quedar de novo aos pés de Santa Minia.
como digo arriba fun andando prácticamente todo o tempo, como correspondía nesta xornada. Non me cansei nin fatiguei, pero durante os últimos 10 ou 12 quilómetros tiña os pés e nocellos moi doridos. Non tiña soias nin rozaduras, pero non estou afeito a andar durante tantas horas e o esforzo dos pés, nocellos e parte inferior da perna foron grandes. Doíanme, pero era relativamente levadeiro e non sufrín nada. Quen di nada minte, pero en comparación con algún trail esto non foi nada. Con todo, tiña gañas de rematar dunha vez, e aquí ven o de que fun trotando algún tramo.
Na primeira parte da proba só corrín un par de veces... en dúas costas ben empinadas... para FUXIR duns que parecían máis cotorras que outra cousa. Virgen santa canto falaban, con ese tono de voz que se che mete nos miolos. Que me parece fenómeno XD pero eu intentaba desfrutar con tranquilidade do día e resulta que iamos ao mesmo ritmo e por tanto non nos despegamos durante moito tempo. Así que nunha reviravolta, cando non me vía ninguén, metinlle un aceleron duns 200 metros e xa non os escoitaba.
Non fun mudo todo o camiño, falei e intercambiei comentarios coas persoas, como facía calquera, pero hai xente cun tono de voz especial e unha locuacidade especial. Quizá na segunda parte da ruta "fuxín" doutro grupo. Si, agora que o lembro, xa bastante ao final.
Na segunda parte da ruta, e comezando na baixada longa e técnica do monte, comecei a facer trotes para relaxar os pés. Como non estaba cansado, sentíame realmente cómodo trotando suave. Así aproveitaba algunha baixadiña de vez en cando para trotar 50, 200 metros, co cal cambiaba de postura e aliviaba os pés. Non chegaba nin a suar nin respirar máis forte, pero era agradable. Nas dúas últimas horas incluso o facía de cando en vez en zonas chans.
Non tiña un obxectivo de tempo a cumprir, pero se todo ía ben presupostara algo máis de oito horas, e así foi. Entendo que trotando melloraba a media, pero son sincero se digo que dez minutos arriba ou abaixo non cambian nada.
Foi moi positiva, pasar tantas horas andando ao xeito do corpo, sen estrés ningún (menos as cotorras!!) tampouco me aburrín, e iso que levara unha lista de reprodución preparada, pero non precisei de artificios. Publiquei tres ou catro fotos durante a ruta, pero nin caso ao móbil tampouco.
O evento está ben organizado, coas indicacións de loxística bastante ben indicadas no regulamento, coa ruta PERFECTAMENTE sinalizada (aínda que eu me despistei nun cruce), cos avituallamentos ben abondosos e situados a intervalos regulares nos sitios indicados.
Non sei se volveirei en vindeiros anos, igual tardo, pero quedo con bo recordo.