💾 Archived View for gem.xmgz.eu › gemlog › 2022-10-03-ix-maraton-atlantica.gmi captured on 2023-11-14 at 07:51:17. Gemini links have been rewritten to link to archived content
⬅️ Previous capture (2023-03-20)
-=-=-=-=-=-=-
Coruña, 3 de outubro de 2022
hashtags? #correr #coruña #maratón #running #carreiraspopulares
podo describir así, con dúas cancións que sonaban na ruta, xusto cando eu pasaba fronte a algún dos DJs que amenizaban a proba.
Do what I please, gonna spread the disease because I wanna Gonna call all the shots for the no's and the nots because I wanna Yeah!
é luns, día seguinte de correr e estou ben de ánimo pero teño o corpo moi dolorido. Ningunha dor concreta (que aínda pode aflorar) se non escarallado. De cabeza e ánimo ben. Dame un pouco de preguiza contar outra carreira e todo iso, pero pódeme servir de referencia para o futuro.
fixen o que puiden nun día perfecto para correr. Non levei un golpe e rematei a carreira de MOI BO HUMOR. En termos absolutos: un éxito.
En serio, o que sigue é para iniciados, carente de relevancia para calquera que non corra. Non te deixes enganar, correr só ten o mérito da perseverancia (non menor), ningún outro atributo lle vexo, nin mística nin historias, que non te enganen con toda esa publicidade e fantasía. É divertido? Si. Sudable? Maiormente. Ves mundo? Tamén.
Polo miúdo...
42.195 metros por diante. Oito da mañán, ao carón da Praza de María Pita, en Coruña. Aínda é noite, todo o mundo está de bo humor e é optimista. Eu tamén.
A organización preparou unha ruta intentando facela o máis chan posible tendo en conta a xeografía da cidade. Din que se pode facer máis bonita, incluso mellor (moi probablemente sexa así), pero meter un maratón no medio dunha cidade non é doado. Que sexa "bonito", chan para facer boas marcas, que permita que a cidade siga funcionando, xestionar a loxística, ... Non me vou meter nisto. Eu estiven conforme.
San.
Comecei a adestrar haberá dous meses, e fai un vin que a cousa ía dentro dos parámetros aceptables e decidín inscribirme.
Personalmente cóstame moito menos traballo adestrar durante o verán que non no inverno. Porén, moita xente di que prefieren esta carreira en abril. Eu non. O caso é que fun facendo os adestramentos propostos por garmin e atendendo as uns parámetros de zonas de pulso (HR), principalmente Z2 (suave) e Z3 (ritmo de carreira) con días curtos onde facías esforzos en Z4 (rápido pero sostible) con recuperación variable. Pareceume un xeito adecuado para adestrar, concordante co xeito en que adestro habitualmente, orientado á saúde antes que ao rendemento.
O garmin facía un prognóstico, un tempo estimado para o Maratón que eu xa vía que era demasiado "optimista". A sensación que tiña era que, se saía todo ben, podería facer entre 3h. 45'/50', sería un resultado bastante decente. Así que en termos relativos, a carreira non foi un gran éxito.
non sei se levo catro ou cinco maratóns e sempre é duro. Faise complicado, difícil, dun xeito moi diferente aos Trails, onde, opino, repartir as forzas é bastante máis complicado, en distancias incluso superiores, calor/frío, etc. e fíxate ti que a sensación de sufrimento é diferente🤷 e lévoo mellor mentalmente.
Hate to say I told you so - The Hives
Non foi unha sorpresa como me sentín, pero si o xeito en que cheguei a ese punto e cando o fixen.
Como referencia máis próxima tiña un adestramento de 30km fai tres semanas feito en 3 horas xustas. Seguindo as zonas de HR establecidas con moita facilidade e rematando moi cómodo. Foi un adestramento que me deu moita moral, só tiña que correr o maratón na Z3 indicada e o tempo sairía só (o que fose, non me presionaba isto).
A excitación inicial é lóxica, corres fácil un puntiño por enrriba do recomendable, pero pronto me situei en ritmos correctos e coas pulsacións só un pouco máis altas do que pretendía (levei a cinta ao peito, para maior fiabilidade). Só un pouco.
Entre o quilómetro cinco e o dez comecei a sentirme incómodo. Deixei incluso de mirar o reloxo, só me causaría máis ansiedade. Procurei respirar ben, manter axilidade nas pernas, pero non fluía.
No dez xa tiña gañas de mexar. Creo que máis polas malas sensacións e o estrés que por ter bebido moito, pero igual si. Só tiña o almorzo e un chopo de auga antes da saída. Decidín agardar a chegar a un dos WC que pon a organización, non vaian pensar en Coruña que baixei do monte á cidade e non son civilizado 😎 . O problema foi que cheguei e estaban todos ocupados 😔 Sentoume mal, ahí xa tiña moita necesidade. Aguantei ata o quilómetro quince aproximadamente, con incomodidade, malas sensacións, pernas pesadas e ata notaba que a cinta no peito me apretaba. Metinme entre dous contedores do lixo e mexei.
Esos segundos mexando servíronme para resetear e recalibrar a cabeza. Vexo agora as pulsacións e, se son correctas como creo que son, levaba media hora co pulso a tope (aínda que a respiración non era así de alta). Non descarto que o estrés que me causaba non poder mexar contribuísen a esto.
Non é sustentáble estar nos primeiros 60'/90' minutos dun maratón co pulso ahí arriba. Grava isto na cabeza.
Non foi unha situación buscada, nin cabezonería por intentar seguir un ritmo, a cousa xurdíu así.
A partir de aquí a cousa foi moito máis dentro da lóxica. Unha vez pasas o motor de voltas (cousa que eu intuía a través do que sentía, pero xa non se me ocurría mirar o reloxo), despois é moi difícil (por non dicir imposible) volver ao estado natural de comodidade e fluidez que un busca. Por eso sempre hai que comezar a correr moi suavemente.
Vexo que corrín ahí no limiar entre Z3 e Z4, máis alto do que debería, pero o que procurei facer é seguir adiante intentado controlar a respiración e a fluidez na zancada (xa moi deterioridada).
Preto do quilómetro 30 creo que foi cando andei uns metros por primeira vez. Quería acabar, por saúde mental, por min mesmo, necesitaba acabar o maratón, así que orientei todo na miña cabeza a chegar a meta san e con dignidade. Esta é a táctica, curiosamente, que sigo nesos trails longos ahí perdido polo monte.
Non tiven empacho en andar cando notaba que o precisaba, quizás un minuto, quizás cinco, do trinta e pico ao trinta e moitos, foi un CACO (só andiven estratéxicamente, non foi a norma). Non sentín o famoso valado, ese do que falan. Eu fun igual de jodido do 26 ao 39 🤣 (en serio, nada especial nese aspecto).
non sei, non sei como dicir que respecto o xeito en que corre calquera, o que quere aguantar, "sufrir", pero eu non teño esa forza de vontade para sentir o que semellan sentir algunhas persoas coas que compartín ruta.
Entendo que todas estamos corredo un maratón por vontade propia, sen máis obriga que con nós mesmas, e vin persoas arrastrando a perna, sufocadas, ... Debería acceder a ese estado de ánimo para ter mellor rendemento deportivo, seino, pero non quero. Eu non vou correr para iso. Moi poucas veces me retirei dunha carreira, pero intento esforzarme só ata o punto en que sinto en que podo comprometer a saúde. Por agora creo que non superei ese límite e non estou motivado para facelo.
(Case) Todo é relativo. Seguro que se alguén que non corre en absoluto o pos a correr un martón e aos tres quilómetros agoniza en suores pensará que o que eu fago non é bo para a saúde. Así que dios lle de cabeza a cada quen para saber onde se mete.
E chagamos ao final. Desde as Esclavas ata unha rotonda alí ao lado da Torre de Hércules a ruta ten unha lixeira costa ascendente. Suave, pero nos últimos 7km dun maratón parecen o dobre de empinados. Debina facer metade andando (a bo paso) e metade trotando.
Nestos últimos dez quilómetros máis que falta de alento ou estar acalorado o que notaba era que me doían as pernas, os pés, os brazos. Estaba escarallado e non me apetecía correr. En ningún momento pensei en abandonar, nin de broma!! , só estaba jodido. Teño estado jodido moitas veces e non é para tanto 😄 . Só se trata de ser consciente e seguir adiante. Adiantabame xente cando eu andaba, que só uns centos de metros despois volvia a adiantar eu. Non se corre un maratón así, a cambios de ritmo, pero teño o corpo afeito a esto, a recuperar ben física e mentalmente, e vin que a este nivel nun maratón tamén é unha táctica posible no aspecto competitivo.
Norris deume un berro (el xa baixaba) e espabiloume, fixen o último quilómetro de subida xa trotando ata a rotonda de marras. Sabía que quedaban só tres quilómetros, maiormente favorables, non estaba lesionado nin asfixiado, así que ía rematar o maratón sen problema.
Pero o caso é que dándolle volta á rotonda xa escoitei a segunda canción...
One more time - Daft Punk
aínda que sonaba máis como esta versión (Alive 2007 - OneMoreTime/Aeorodynamic).
Unha vez máis, outro maratón.
Vinme arriba. Non hai outro xeito de calificalo. Un subidón de alegría e un estado de ánimo de excitación que fixeron que estos tres últimos quilómetros estivesen entre os máis rápidos de toda a carreira.
Amplitude na zancada, respiración completa, volveume a subir o pulso (vexoo agora) pero dun xeito lóxico e acorde ao esforzo, non como tres horas atrás. Non foi por ser un perfil favorable, se non porque eu tiña forza e ánimo para correr. Adianteille a bastantes persoas nestos tres quilómetros. Nada destacable, pois moi probablemente esas persoas fixeron un mellor maratón ca min, executaron un plan de carreira de xeito correcto e repartiron axeitadamente as súas forzas.
Correndo así forte foi cando pensei todo esto de que non sei correr un maratón, de que é un tipo de carreira ao que non lle teño pillado o punto. Que non é normal, nin desexable desde un punto de vista competitivo, acabar tan forte e fresco cando media hora antes estaba andando, de que debo saber sufrir e repartir mellor as forzas. O non.
Fixen estos tres quilómetros desfrutando como un neno. Falando con compañeiros, agradecendo ao público que animaba. Era consciente do estado de excitación mental que sentía. Entrei en meta cun sorriso e dous minutos despois xa estaba coa respiración normal. Dorido, pero contento.
menos o problema de ter que para a mexar, non sentín sede, bebendo con calma e aos poucos (levei unha botella na man que ía enchendo nos avituallamentos). Comín froitos secos que levaba no bolsillo e anacos de laranxa e plátano dos avituallamentos. Non me sentín mal do estómago/tripa. Non considero que esto fose un problema.
Non teño certezas que escribir aquí.
Adestrei ben e con saúde durante dous meses, partindo dunha boa base de correr longas distancias de xeito habitual.
Os adestramentos de referencia foron bos, acordes ao meu nivel, e debería ter feito uns 15 ou 20 minutos menos. Aínda que non tiña unha marca obxetivo a facer, saín a facelo ben e non o fixen.
A loxística para ir á carreira esta vez foi correcta (madruguei, estacionei no palexco, pillei o dorsal fácilmente, etc.)
Creo que saín amodo, pero non sei se por aguantar as gañas de mexar ou por outro motivo (estrés, ansiedade, falta de descanso,... nada que eu identifique conscientemente), disparóuseme o pulso e aínda bo foi recuperar despois certo nivel de sustentabilidade para acabar ben.
Sempre teño en mente facer adestramentos de forza, e probablemente sexan de utilidade para minimizar a dor de pernas. Non me faltaba enerxía, faltábame forza e aguantar máis a dor de pernas.
As zapatillas creo que foron ben. Notei un pouco de "ardor" no pe esquerdo durante un anaco, como me pasaba nos adestramentos, pero despois non sentín nada extraño, só as molestias propias de catro horas correndo, sen rozaduras e os dedos moi ben (levei calcetíns de dedos).
imaxe onde se ven varios datos da miña carreira que comento máis arriba
Edito: mércores 5. Sen tomar medicación (analxésicos, antinflamatorio,...) nin antes nin despois, NON tiven nin dor nos xeonllos, nin maniotas. Onte xa me sentía recuperado (por dentro é diferente). Neste aspecto, todo moi ben.
De hoxe nun ano. Quedei con boas sensacións e probablemente volva a correr outro maratón.
documento creado con gemgen (python script)