💾 Archived View for eixos.xyz › Lixo_mundo.gmi captured on 2023-11-14 at 07:42:51. Gemini links have been rewritten to link to archived content

View Raw

More Information

⬅️ Previous capture (2021-11-30)

-=-=-=-=-=-=-

Lixo mundo

Cambio climático no sistema do caos

O clima galego está cambiando. A forma de chover xa non é a que era e o orballo está en perigo de extinción. Aquelas semanas ou meses de inverno con poalla constante xa non son frecuentes. Agora cando chove parece que están a botar con caldeiros de auga con saña. Non é que antes non chovera forte, pero lembro que a sensación era máis homoxénea e os ciclos de tempo húmido e seco máis regulares. As estacións estanse esvaecendo e mesmo fai sol en inverno como podemos ter un verán de treboadas. Cando antes este tipo de anomalías eran a excepción, agora son do máis normal.

Temos na memoria fenómenos como o Hortensia e o Klaus que son os antecedentes notables nos que se chegaron a rexistrar ventos de 150 e 198 km/h respectivamente.

Klaus [IMG]

O Klaus deixou a 100.000 fogares sen electricidade en 2009.

No mes de decembro do recente pasado ano rexistrouse un tren de borrascas que sorprendeu á comunidade científica polas súas características. En concreto,

o ciclón tropical Pablo

transformouse nun furacán de categoría 1 de camiño a Galicia, algo que os meteorólogos consideran excepcional, xa que a temperatura das nosas augas é baixa e, polo visto, debería impedir a formación da tormenta.

Todo parece indicar que este proceso de fenómenos extremos está a aumentar nos últimos anos e a comunidade científica parece ter claro que o cambio climático e os aumentos da temperatura global son consecuencia, cando menos en parte, da acción humana.

Hai, con todo, un certo debate cando se tenta clarexar cal dos posibles factores que interveñen no cambio climático está a ser máis decisivo. O clima tamén pode mudar por causas naturais con eventos cíclicos de arrefriamento e quecemento ou polas variacións na actividade solar. Mesmo debátese a posibilidade de que unha etapa de arrefriamento sexa quen de compensar ou atrasar o aumento de temperatura.

Un planeta finito no sistema do crecemento infinito.

Máis aló do debate e das incertezas que as moitas variables existentes poden introducir na análise científica, o noso planeta está esmorecendo. A causa non é outra que o sistema socio-económico no que nos desenvolvemos. Un sistema que precisa do constante crecemento (sen crecemento entra en crise (o sistema)) confróntase a un mundo con recursos finitos. E no enfrontamento está a perder o planeta, a vida e os ecosistemas.

Dende a revolución industrial do XVIII o incremento da actividade humana na extracción de materias primas aumentou de forma exponencial e está a esgotar e a estragar a natureza. Non hai planeta que chegue para satisfacer a demanda da sociedade industrial capitalista. Os niveis de deterioro están a chegar a un punto irrecuperable no que a vida no planeta está en serio risco.

evolución socio-económica [IMG]

evolución terra [IMG]

Fonte: Steffen et al., 2004 dende

ecologiapolitica

A situación debida a este brutal incremento no consumo de materias primas ten consecuencias:

O consumo voraz e o esgotamento dos recursos naturais baixo a lei inmutable do constante crecemento están a levar ao límite ao planeta e á civilización. Non está claro se estamos a falar de vinte, cincuenta, cen ou cincocentos anos; máis polas informacións que van chegando semella que todo pode acontecer no medio prazo. Para cando cheguemos a ese punto de inflexión no horizonte de sucesos, xa non será posible reverter o mal causado e o noso planeta chegará entón ao seu estado definitivo. Unha rocha erma dando voltas no baleiro...

INICIO