💾 Archived View for frankenwolke.com › 20230811_migracions_monologos_sudokus.gmi captured on 2023-09-08 at 15:46:34. Gemini links have been rewritten to link to archived content

View Raw

More Information

➡️ Next capture (2023-12-28)

-=-=-=-=-=-=-

Migracións, monólogos interiores e sudokus

Primeiros anos

Tiven a sorte de medrar nun entorno bilingüe onde estaba exposto tanto ao galego coma ao castelán cun reparto bastante equitativo. E como neno da costa co seu seseo e a súa gheada que logo perdín por influencia do galego normativo da escola e da TVG. Só queda unha palabra grabada a fogo que sempre direi coma o neno de Bueu que fun: arroás. Xamais direi "arroaz" ou "golfiño" como di o dicionario.

Logo chegou Pontevedra. Menos exposición ao galego pero algo aínda había, non na miña contorna máis directa pero si en xeral no ambiente.

Pero logo...

Aos dezaoito, Madrid. Estudar, traballar, vivir, ficar. Ao principio e durante moitos anos nunca tiven a sensación de ser de fóra. Pero as cousas pouco a poco foron cambiando. E seica, como mecanismo de defensa ou de reafirmación dunha identidade xa durmida, o galego foi pouco a pouco recuperando terreo no meu monólogo interior.

Recordo cando comenzou. Foi xogando un sudoku no móbil. De súpeto algo na miña cabeza fixo clic e os números soaban en galego nos meus pensamentos. E aos poucos máis e máis cousas. Todo iso ía acompañado dunha nova visión de min mesmo coma un emigrante interior. Deixei de pensar en min como neo-madrileño. De socate volvín ser un galego en Madrid. E é moi posíbel que o sexa para sempre e que xamais volva.

E logo, quen veño sendo?

Pero tamén é posíbel que a miña única identidade sexa a de non ser de ningures. Demasiado tempo fóra de Galicia para ser galego. Demasiado tempo en Madrid para non ser fodechinchos. Sen más patria que unhas lembranzas cada vez máis borrosas. Sen máis refuxio que unha voz interior nunha lingua que xa non falo.

-----

Volver ao índice