💾 Archived View for gem.xmgz.eu › gemlog › 2022_correr.gmi captured on 2022-03-01 at 15:10:33. Gemini links have been rewritten to link to archived content
-=-=-=-=-=-=-
Subscríbete ás actualizacións utilizando a opción "Novos Titulares"
Publicado de xeito cronolóxico ascendente.
comeza aquí o diario, pero hoxe non é día 1 de xaneiro, se non 11. A cousa estivo cocendo desde hai unhas semanas, a xeito de adquirir un hábito que me motive a adestrar con fundamento, con dirección.
Non deixei de correr ou manterme activo, pero fáltame ese pulo que che da ter un obxectivo. E xa o teño: o 22 de Maio en Portosín celébrase o Maratón (de montaña?) do Barbanza. Son 42km cuns 2200m. de desnivel, parecido ao que corrín en Ribeira hai (xa!) tres anos.
Aínda non me inscribín porque non sei se apuntarme ao "circuito", que este ano son só tres carreiras.
Hai que tomar decisións xa. Téño que correr dúas ou tres carreiras de aquí a final de febreiro. Non estou motivado para eso :( , hai que recoñecelo. Non estou enfermo nin me doe nada, pero "ir a carreiras" non me chama nada a pesar de que sei que é bo para min, tanto física como sicolóxicamente.
Son as dúas, xa xantei, vou andar un anaco.
non durmín moito, o normal.
erguinme pensando en ir correr arredor de 80 minutos, pero fai nordés forte :/ e quitoume as gañas (ata creo que chove algo).
pois xa me apuntei ao trailseries.run deste 2022. Tres carreiras, xaneiro, marzo e rematar co maratón (en Portosín) en Maio.
onte ao final fun correr ao amencer. Algo de nordés, pero non frío, así que saín en sandalias a facer 10km. respirando polo nariz, HR inferior a MAF sen maior problema.
Hoxe sopla aínda máis nordés. Intentarei correr pola mañán e andar despois do xantar.
non se pode pretender ter ánimo para facer dúas "sesións" durmindo só seis horas. Onte após o xantar prestábame máis durmir que andar.
Hoxe fixen o adestramento "5x2km" na bici pola mañan e fun andar na hora do xantar. Facía moi boa hora.
debo apuntar que non noto nada nos xeonllos. NADA é NADA. Máis que nada porque vai chegar o día en que si o notarei, ao aumentar o tempo que pasarei correndo.
Creo que desde novembro non lle tomei nin un ibuprofeno
pola mañán fixen 50' en bici vendo CX; e após o xantar fun andar 80'. Non é de crer, porque maldita a gaña que tiña.
pensei que fixera máis, pero vendo sendo o mesmo que a outra semana.
subín aquí ata 300 m., facía moitas semanas disto. Respirando polo nariz e intentando non pasarme de voltas, cambiei ben de correr a andar. Mirei os datos despois e fun moi controlado 👍 así que o de correr por sensacións téñoo bastante automatizado PERO (sempre hai un pero) esto despois haino que levar ao día a día e non deixarse levar polo ego.
Tamén púxenlle a plantilla de cortiza as fivefingers: cómodas. Non é que tivese problema sen elas, que me rozasen ou algo, pero un pouquiño máis de amparo nos pés non virá mal polos camiños de monte.
tiña pensado correr en Outes co monitor do pulso ao peito e non pasarme do ritmo establecido (non chegar á zona vermella), pero creo que me vou centrar en:
Nesta orde. Veremos.
subín ao alto do monte (420m.) por primeira vez en semanas. Fun correndo (trotando) todo o tempo e respirando polo nariz, a xeito de proba. Non estivo mal, algo forzado, iso si.
Unha vez cheguei ao alto creo que recuperei bastante rápido, sentía as pernas ben na baixada (só deixándome ir).
hoxe erguínme un pouco canso, con sensación de non ter ganas de facer cousas. Consideroo normal, tras tres días seguidos correndo e o último con alta intensidade.
Se despois do xantar fai boa hora igoal vou pasear un anaco, pero se vexo que non mo pide o corpo mellor descanso.
a unha semana da primeira carreira do ano subín ao monte a probar que tal estou.
Estou ben, normal, o que cabe agardar, sen botar fogetes. Esto son boas novas.
Un día frío pero calmou o vento, así que ás 10 e con sol saín correr. Fun ao longo do mar uns 3km. e despois tirei para arriba por unha ruta bastante directa pero con moitas zonas onde se pode correr, para ver que tal ando de forzas, se podo respirar só polo nariz, se me cunde o power-hiking, a recuperación tras o esforzo, etc. É dicir, comprobar as sensacións para ser realista o próximo domingo.
Non estou forte, se son sincero as sensacións non foron demasiado boas, pero é normal, tras dous meses correndo suave e case sen desnivel, notaba as pernas pesadas e lentas. A primeira media hora non encontraba o ritmo, pero era unha sensación rara, probablemente nada que ver co estado de forma. Non estaba cómodo ao comezar a subir así que baixei o ritmo, púxenme a andar antes de sentir que non daba máis e así fun facendo camiño. Con respecto á respiración non vexo viable facelo só polo nariz o día da carreira. Creo que ou teño un día súper e a cabeza fresca (para pensar) ou realmente acabarei facendo o que poida, como sempre. Hoxe fixen ben a transición correr-andar-correr, nas carreiras é máis difícil, polo ego.
A falta de forza, tirei de endurance. Nesto creo que vou ben, pois fixen bastantes máis minutos dos que tiña previstos e non tiven problema, incluso na baixada final fun cómodo.
Non comín nin bebín nada nos 140', pero tampouco sentín necesidade.
Respecto do calzado, non sei eu se é boa idea levar as FiveFingers. Están moi gastadas (deformadas) e non coñezo o tipo de superficies por onde vai a carreira. Hoxe non tiven problema, pero recoñezo que na baixada non é o máis eficaz/seguro.
Escribo esto pola tarde e síntome relaxado, non teño esa sensación que che queda tras un esforzo intenso. Así e todo teño que coidar ben a recuperación e intentar chegar fresco, así como vixiar a parte baixa do lombo, porque subindo notaba unha sensación rara nos cadrises.
durmín case 8 horas, e bastante ben. Erguínme con sensación de ter feito un esforzo, pero non escarallado. Non me doe nada. Ben de ánimo.
Como fai sol, a mediodía despois do xantar vou ir andar os 10 quilómetros habituais. Esta semana ten que ser relaxada para chegar con gañas, e forza, ao domingo.
Despois de moitas semanas hoxe á mañan fixen os 12' con Heather. Mañán maniotas fijo XD
a medio día fun correr descalzo: psé. Teño tido mellores sensacións
non hai maniotas! 😁 Ainda que si un pouco machucado. Tamén síntome algo decaído, como con ansiedade máis ben, pero creo que é por cousas extradeportivas.
Hoxe durmín pouco (6h.). Repítome e son pesado, pero creo que é o mais significativo que podo contar 😔
Non sei se ir andar ao medio día. A ximnasia tenme un pouco machucado, pero ben, de aqui a domingo non facer "nada" e coller moral, que hoxe estou baixo. Seica vai facer sol e hai moita xente anotada ☀️🎇
onte fun correr a Outes (subida Tremuzo) e hoxe durmín ben. Non me doe nada, só estou con algo de sensación de cansancio, pero o "adestramento" de pola tarde cos pitufiños tamén inflúe 😄
Na carreira ben, hei escribir a crónica e traela aquí, pero o resultado dentro da normalidade (ben): 92/197 en meta. Resultado estándar 😄
Aquí a crónica da xornada de onte en Outes.
como tiña que chegar fresco ao domingo tomeino cun pouco de calma. Foi raro non facer nada de bicicleta no rodillo. Durmín algo máis que a semana anterior (de media).
Fun andar cedo. O domingo mentalmente corrín relaxado, pero físicamente metinme un bo calentón, intenso. Non me doe nin molesta nada, nin lle tomei NADA de drogas, así que o que sinto é real, pero noto algo de fatiga (aínda que fun andar con bo ánimo como digo).
Dixéronme agora que o tío Manolo morreu. Descanse en paz, nunca mellor dito, porque os últimos anos non se pode dicir que tivese moita saúde o pobre :(
Así foi xaneiro
imaxe coa comparación con decembro
mirando así non hai moito máis que constatar o obvio: aumentei o volume tal como estaba previsto.
Quizás, por dicir algo, que fose quen de facelo significa que no proceso non tiven problemas.
saín correr demasiado cedo e case me escarallo. No camiño paralelo á Nacional, de noite, cos faros dos coches queimándoche a retina, o ruído, ... vas correndo cego e xordo. Hoxe fixen un mal apoio, ou metín o pé nunha fochanca, sabe diós, pero o caso é que non deixei o nocello alí de casualidade (ou non, igoal é que por correr desamortiguado reaccionei e recuperei ben antes de facer dano. WhishfulThinking). Parei un par de minutos e seguín andando, e despois correndo, así que a falta de enfriar creo que non me manquei.
Polo demáis ben, orballou espeso e había tempo que non notaba o sabor doce de chuvia na boca.
Na finde non fixen nada. Literalmente.
non estaba enfermo nin nada, pero cadrou así a finde. Non o reflexa o dato do estrés, pero non me sentín relaxado en toda a semana, tiven a cabeza dándolle voltas ás cousas seguido.
Hoxe subín a media ladeira, facendo tempo.
debo definir a Escala de Dor. De 0 a 10, sendo:
Desculpa ti, se les isto, e sofres coa dor, por semellante escala.
Hai unhas semanas escribía que non notaba nada nos xeonllos, que o poñía como referencia para cando sentise algo.
Hoxe fun andar cedo e na parte superior da rótula esquerda notaba algo. Na escala un 1. Non é dor e case nin molesta, pero notaba algo.
Tamén como referencia: cun 6 normalmente tómolle un antinflamatorio para poder ir traballar. Se non teño que ir traballar igual aguanto ata un 7 ou un 8 (son moi sufrido e tonto), intento ser consciente da causa da dor.
hoxe case durmín 8 horas, o cal non estaría mal se non fose porque me erguín cunha boa dor de cabeza (de ollos máis ben). Cas horas foi a menos, pero agora a medio día aínda me doe. Non lle tomei nada, é tolerable, pero durmír tanto + dor de cabeza + feces demasiado livianas (non cagarría) fánme sospeitar de que algo pasa. De ánimo non hai queixa, así que iremos indo. Polo de pronto hoxe nada de exercicios ou deporte, hai que aforrar forzas por si acaso.
Ao final non foi nada. O sábado pola mañán xa fun correr ao monte, o domingo descansei (chovía ben, que carallo) e hoxe fixen unha hora de rodillo a bo ritmo.
Estou mellor de ánimo. Non é que estivese mal, pero síntome algo máis positivo en xeral. Apunteime a ir correr a Couzadoiro. Non o dixera? (non me leo nin eu). Pois iso, que volvo por alí a facer a distancia de 25km, que me ha chegar.
durmín bastante, máis ou menos como a anterior. O que fixen foi moitos menos pasos, principalmente por non ir pasear.
Ben. Menos que a outra semana, ou a anterior, pero ben. Non me doe nada e fun ao xeito.
Menuda molladura pillei hoxe. Coma un pito.
Erguínme cedo (como se fose unha novidade) e nin facía vento, nin chovía, nin facía frío. Animeime a saír facer o adestramento forte (intenso, esixente, you name it) subindo un par de veces ata o alto.
Ventinme como se fose no mes de maio: camiseta de plástico de manga curta; sandalias sen calcetíns e pantalón curto.
Realmente estábase ben, nin pisca de frío. Subín ata arriba con bastantes boas sensacións dentro do esforzo, non me sentín forzado, se non respirando con tranquilidade. O tramo de escaleiras foi andando, e algún tramiño moi pequeno e empinado, pero fixen case toda a subida trotando.
O problema estivo cando chegando xa ao mirador notei que o vento aumentara bastante e notei algunhas pingas de auga. Sorte que para entón xa entrara en calor polo esforzo e leveino relativamente ben, pero pasei frío ata o alto e ata que comecei a baixar a lado de sotavento.
Estaba mollado coma un pito, pero ao non darme o vento podía conservar o calor xerado ao correr. Menos mal.
Outro problema foron as sandalias, que en mollado non podo ir por pendentes fortes, así que alonguei un pouco máis a baixada para facer tempo e volvín directo á ducha.
Foi un esforzo que me deixou boas sensacións, e refírome ás sensacións porque realmente non sei o tempo que me levou (nin me importa).
onte foi unha bonita xornada paseando por Compostela
"Visibilizando o uso da bicicleta na cidade"
Claro, hai que sumarlle a hora que me levou chegar alí (fun tranquilo), e os 40' da volta (a fume de carozo). Quero dicir que non foi só un "paseo", que tamén me valeu. Vou facer algo de rodillo agora despois de publicar a entrada no blog e escribir isto.
só veño traer
si, durmín máis. Xa me dei conta.
pola mañán fun andar e facía un frío de carallo, así que fun a paso vivo XD
a semana foi ben, sen moito que contar, facendo algo de bici, andando e un día subín dúas veces ao alto do monte.
Hoxe facía fresco pero fixen o adestramento que me propuxo o trebello: 24 minutos a 165 ppm, que debe vir sendo o "limiar". Fíxeno sen problema, aínda que a sensación era de esforzo, como o "ritmo de 10k" poderíase dicir. Non era fácil.
Fun con zapatillas (NB azúis) relativamente cómodo pero os dedos rózanme. Espero non terme mancando.
Mañán dan bo tempo, así que igual pola mañán salgo a dar unha volta ao monte, un par de horas pero suaves.
unha mañán de domingo fermosa para correr. Tiña pensado facer arredor de dúas horas e media pero pronto cambiei de idea.
Sentíame ben, e síntome ben, pero xa desde o inicio, por terreo chan e indo moi tranquilo, non tiña sensación de fluídez e comodidade. Foi comezar a subir e notar as malas sensacións, como se me faltasen un par de marchas.
fotos durante a saída desta mañán.
fotos durante a saída desta mañán
Enseguida decidín que non era o día de forzar, que non tiña sentido, así que fun indo e afrontei a saída como "aprender a manexar esta situación". Non mirei os datos nin o pulso nin nada, pero debín facer arredor de hora e media (correndo e andando nas costas), sen mellorar as sensacións de forza pero tampouco sen maior problema.
A razón pola que me sentín así probablemente sexa unha combinación de dous factores. O principal foi o adestramento de onte, máis intenso e rápido do habitual. A segunda, estar todo o día metido na casa (por vontade propia) vendo a televisión. Sobre todo bótolle a culpa ao primeiro factor, que non lle dei tempo ao corpo a asimilalo.
Como me sinto ben (en xeral) vou procurar comer e descansar, facer adestramentos suaves durante toda a semana para chegar ven á carreira do domingo que ven.